Friday 03 de May de 2024

Cé Orquestra Pantasma e Moc Moc-Santimbanqui recalan na Pobra cos seus respectivos espectáculos


Dándolle continuidade ao programa do Verán Cultural, na próxima semana desenvolveranse no municipio pobrense dúas novas funcións de balde destinadas a público familiar. Por unha banda, no 31 de agosto, Cé Orquestra Pantasma aposta pola recuperación da figura do home orquestra cun espectáculo de música de rúa cheo de forza, ritmo e fantasía, onde o público pasa a converterse en protagonista.

E, inaugurando o mes de setembro, será a quenda de Moc Moc-Santimbanqui con Directo ó corazón, no día 3. A improvisación e o humor son as chaves coas cales abre as portas ó seu máximo universo de xogos e moito ritmo, ademais de combina-la destreza e espontaneidade co clown e os malabares.

Ámbalas actividades transcorrerán a partir das 20.00 horas, no Cantón da Leña. As prazas cubriranse por orde de chegada ata cubri-la cabida. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.